Un, que ten alma rural e residencia
urbanita, a miúdo recorda a un patriarca de pobo -deses que, con excesiva
frecuencia, intelectuais, políticos e columnistas desprezan porque levan
sombreiro de palla enriba da boina e non teñen nin ganas nin parede que desexe
lucir a Orla con barrete-. Podería, ¿por que non?, chamarse Pepe e talvez tería un
alcume que o proxectaba trasversalmente, en horizontal e vertical, a través do
tempo.
Si, un recórdao porque llo merece,
porque ninguén mellor ca el soubo facerme entender a forma e o fondo do
espírito dunha Identidade,
a Galega, que tamén é transversal, horizontal e verticalmente, e á que os anos,
contados por séculos e milenios, converteron en erudita a pesar dos pesares e
das innumerables domas e castracións -sociais, económicas, políticas,
idiomáticas, culturais, etc., etc.- ás que se viu sometida dende que a meseta é
España e o resto existimos por pura casualidade ou accidente.
Pepe, que tiña moito de insumiso e pouco de obediente,
repetía sempre que antes de poñerse a inventar solucións ás necesidades,
individuais ou colectivas, había que asegurarse de que non existían porque,
pola contra, o innovador non ía moito máis alá de repetir o vello con palabras
novas. Cada campá ten un son, ás veces con cambiar o badalo e o sancristán pode
parecer que a parroquia ten campá nova... pero é a de sempre e non creo que os
fregueses e freguesas escépticos volvan participar de rituais e liturxias polo
mero feito de que a campá soe algo diferente... mesmo os curas oficiantesnon
son excesivamente importantes, salvo en aspectos de aconsellable renovación
estética que achegue a imaxinaría necesaria para unha mellor visualización da
nova ética. A clave empeza no misal, medra cos Evanxeos de referencia
ideolóxica e acada o seu máximo esplendor cando é capaz de transformarse en
métodos eficaces e sostibles que, sen présas excesivas pero sen pausas eternas,
convertan no máis parecido a un paraíso o inferno que estamos a vivir.
Se cambias a linguaxe pero o fondo
permanece conseguirás un remake hollywoodiense con aspiracións, unha
película de tempada con pretensións de grandeza que corre o risco de sentar
tanta cátedra como as de Pajares e Esteso perseguindo louras nórdicas en
Torremolinos. Pero o vodevil político
é un xénero aprezado, ainda que xa só recruta adeptos entre a minoría que acode
ás urnas; que se reparte sempre aos que votan e nunca ao electorado, creando
así unha democracia representativa endogámica e excluínte que fomenta a
exclusión electoral e o escepticismo cidadán.
Por iso a responsabilidade de propoñer
innovadores proxectos políticos é algo máis que facer de pinchadiscos
discotequero e propoñer "mixeaos"
de Rumba nacionalista, Bachata liberal, Tango ou Bolero galeguista, Mambo
independente, Son centrista, Godspell conservador, Country Folk cultureta,New
Ageecoloxista, Heavy Punk independentista reacomodado discursivamente como
soberanismo cívico e ducias de estilos independentes interpretados pola banda
de música municipal. Iso, como moito e digan o que digan, está máis preto do
ruído que da música...
Permitídeme que dubide... ¡que dubide
moito!... ¡que dubide sen dúbidas!; que respecte enormemente o esforzo, a
intención, a ousadía, a vontade e a dedicación dos que tiran do carro pero que
sexa escéptico a rabiar co Nacionalgaleguismo
voluntarioso do discurso transversal. E é que sigo sen ver outra cousa que máis
do mesmo contado doutro xeito; ogallá a solución sexa tan simple como poñerme
lentes, porque a Galicia Identitaria -aquela na que sempre cremos os
Pangaleguistas, esa que vai máis alá do territorio Ibérico, Portugués e
Español, da nosa nación- necesita unha campá nova e inmaculada, forxada con
bronce non reciclado, con curas e acólitos que non se presenten diante da
cidadanía como conversos á nova fe, con Misal e Evanxeos que dimensionar o
impacto e non caian no corpiño do dogmático, cun futuro que non necesite
abrazarse sempre e obsesivamente ao pasado porque padece dun xigantesco
complexo de inferioridade intelectual e política...
Ogallá sexa posible... como cidadán o
desexo con todas as miñas forzas ainda que, cada día ao erguerme da cama, a
única percepción que teño é a de sentirme atrapado en terra de ninguén... por
una beira, os exércitos do poder establecido, a banca, a coroa, as orgaizacións
empresariais nas que só teñen voz os que facturan enormes sumas de diñeiro, uns
sindicatos acomodados e domados a cambio dun prato de lentellas, un poder
Xudicial corporativista e ineficaz para calquera cousa que non sexa distribuír
inxustizas... a outra, unha masa voluntarista e con boas intencións "Esperando a Godot"sen mensaxe
común definido -e, polo tanto, con proxección política máis virtual que real-,
un millón de voces que expresan indignación dun millón de xeitos distintos e
ofrecen un millón de fórmulas máxicas superlativas e incompatibles, algo que
quere ser movemento cidadán pero que empeza e remata manifestándose nas horas
libres e nos días festivos, unha revolución virtual cuxo maior poder e tamén
debilidade é depender da tecnoloxía e estar ameazada polo esgotamento das pilas
do teléfono móbil ou o PC portátil, unha marea cuxa única alternativa obxectiva
é seguir sendo marea ata que se obre unha milagre social, política e económica,
que apadriñe un amañecer novo aínda que ninguén saiba como debe ser nin sequera
se vai producirse...
Por iso, por favor e porque máis que
nunca a Galicia territorial e identitariao necesita, deixade de recorrer a eses
rolos de galeguismo
político esoberanismo
cívico que é posible que vistan moito pero ispen aínda máis do que
á primeira vista parece; utilizade termos novos, inmaculados, que reflictan a
realidade presente e alimenten a esperanza de que, unha vez máis, os cidadáns
non imos ter que soportar a cantata e fuga electoral dun coro de conversos ao
Nacionalgaleguismotransversal que van ensinarnos a todos o que é e representa
Galicia e as infalibles fórmulas de gobernar máis e mellor se é que se dan as
condicións de que, acudindo fragmentados e desprezando a concentración do voto,
o insoportable P.P. de Nuñez Feijoo perda a maioría.
© Xabier González, 2012
Twitter: @xabiergzalez