2 jun 2012

A PARTICULAR ENFITEUSIS DOS TEÓLOGOS DA RELIXIÓN DE "SE NON PENSADES COMO EU PENSO, VOS NON QUEREDES Á GALICIA"



A dialéctica política padece a curiosa enfermidade de ser circular e cíclica, case ninguén achega palabras ou conceptos realmente novos e, aínda que pasen os anos, todo resulta ser "máis do mesmo"
Por iso o maiestático e mesiánico "vos non queredes a Galicia" reaparece sempre, como a maldición que é, cando individual ou colectivamente surje o sectarismo do "se non pensades coma min ou coma nós". E é normal, e é humano, e compréndoo; o que acontece é que Galicia dende hai moitos anos, e por moito que o neguen os protolíderes de gaita e pandeireta, deixou de ser "territorio colonizado por España e Portugal" e necesita xente comprometida que teña menos ambición persoal e máis talento. 
A Galicia "nai e señora, sempre garimosa e forte", preñada mil veces por yantares e yaceres culturetas disfrazados de accións políticas de concentración, está recluída entre as catro paredes mentais dalgúns que cren saber moito e entender aínda máis; e quizais esa Galicia territorial xa deixou de ter vixencia definitivamente para converterse na PANGALICIA que existe dende hai cen anos e á que, aínda hoxe, en pleno século XXI, os prohomes de opereta política e a mass media negan. 
E, claro, con actitudes de pavón e aptitudes de verso solto, predícase alí onde se pode que é imprescindible abrazar a teoloxía da concentración liberadora que invoca unha sorte de enfiteuse galeguista e pensa que ten ten un dereito real para reclamar a cesión temporal do "inmoble" territorial de Galicia. 
Comprenderedes entón que un remate por converterse á forza en ateo (pasando antes polas fases de expectante, analítico, escéptico, irónico e crítico) e prefira a marxinalidade da maioría á compañía duns poucos que se senten elixidos, líderes e profetas, un segundo antes de caer na tentación de choromicar mentres balbucen: "Non, non nos entenden".
Pero o problema é outro, a cuestión é que se sentan á mesa das "paparotas" para "arranxar Galicia" con fame endémica de protagonismo, disputándose uns a outros ese lugar propio dentro da coreográfica fotografía común que adoitan sacar os fotógrafos da prensa, con espírito sectario aínda que non conveña recoñecelo, asindo con forza o garfo e a culler para lograr a mellor tallada, utilizando o pano da mesa para limparse as babas ao escoitar o adulador correspondente que rolda dedicando afagos a quen conveña. E todo isto crea unha endogamia patólogica que se alimenta de egos que comparten un momento efémero no espazo e no tempo; unha singular orxía de persoas que se autoproclaman célibes, honestas e fieis, aínda que gardan baixo sete chaves o luxurioso segredo de estar dispostos a deitarse co primeiro "espírito santo" que sobrevoe a súa nudez pluscuamperfecta. 
E claro, chega un día en que tantos e tan "bos" non collen na cabeceira da mesa... no que, pouco a pouco, van saíndo da foto e reubicándose como "ceros á esquerda" aínda que estean sentados á dereita. Entoces atópalos amoucados, afundidos e buscando sombras nas que disimular mellor o seu papel de figurantes ao que o "proxecto común" lles relegou porque o aforamento de protolíderes estaba completo e se necesitaba espazo para os novos líderes emerxentes. 
Xustificar o por que cada vez "están menos" e xa case ninguén lles espera é complexo e humillante; só queda o que eles chaman "crítica construtiva" -palabriña que se invoca sempre que a ansia de destrución se fai dona da mente- e o consabido "non queren" ou "non queredes" á Galicia que, desesperadamente, intenta culpabilizar a calquera para que o saco da frustración sexa levadeiro.
Posiblemente o problema é que hai circos predestinados a que lle crezan os ananos, estruturas de concentración política tan singulares que só hai que darlles un pouco de tempo para que se converten en anécdota. Non importa que invoquen clixés por pura mercadotecnia, que se proclamen nacionalistas sensatos ou galeguistas dende sempre, que esixan un lugar na mesa por méritos políticos, ou porque de casta lle vén ao galgo ou destacando que participan en faladoiros de alto standing nunha colchoaría cando pecha o público as súas portas. O máis terrible é que, convivindo con estes figurantes, hai cidadáns honestos e comprometidos que ansían que esta vez calle e vaia en serio.
Ás veces pregúntome con que soñan as ovellas... se son elas ou son os pastores, cos seus cans, os que lles implantan sonos que rematan sendo pesadelos porque, á fin e ao cabo, a clásica función do bo pastor non é que as ovellas apliquen o libre albedrío no seu pastar cotián, nin que alcancen outro grao que non sexa o de dóciles "ovejitas leiteiras" ás que seguir muxindo e rapando ata que se morran.
Unha persoa á que teño en grande estima, Juan Carlos Cabanelas, dime sempre que os partidos políticos están obsoletos e que hai que crear estruturas de intervención sociopolítica novas. Nunca llo rebatín porque está no certo.

© Xabier González, 2012
Twitter: @xabiergzalez




No hay comentarios:

Publicar un comentario