22 jul 2012

25 DE XULLO DO 2012, XUNTOS NUNHA IDENTIDADE COMÚN PANGALEGA NA QUE NUNCA SE PON O SOL)


25 DE XULLO DO 2012 (APUNTES NO DIARIO DE INTENCIÓNS: XUNTOS NUNHA IDENTIDADE COMÚN PANGALEGA NA QUE NUNCA SE PON O SOL)
Teño practicamente decidido que, do mesmo xeito que fixen o ano pasado, este 2012 interpretarei un só de gaita de resistencia individual, negándome a compartir espazos reivindicativos nos que a masa, que ten moito de cemento e pouco de crítica realmente revolucionaria, recórdame a eses rabaños que cada ano percorren, vixiados por cans amestrados e  dirixidos por pastores (ainda que haxa algunha que outra honrosa excepción) a soldo dos seus amos, as Canellas Reais, nos que non hai espazo para a disidencia nin o libre pensamento e cuxo obxectivo verdadeiro é cumprir obedientemente esa metáfora de emigración en busca de pan que é a Mesta anual. Non, non me interesa xa poñer máis coroas de flores a ninguén, nin escoitar proclamas ou discursos dos que se apropiaron dos micrófonos e medios de comunicación para silenciar á inmensa maioría que non pode falar a través deles, nin asistir a ese paripé que interpreta o vasalo correspondente e que se denomina ofrenda institucional ao Apóstolo, nin escoitar o himno Galego incompleto porque as estrofas malditas son politicamente incorrectas, nin camiñar prietas as filas polas empedradas rúas de Santiago para percorrer esa mesta anual cuxo itinerario sempre me leva de volta á casa coas mesmas incómodas frustracións de sempre. A miña Galicia, e espero que a de moitos Galegos e Galegas, camiña da man dunha REALIDADE IDENTITARIA PANGALAICA que trascende as fronteiras territoriais da Galiza Ibérica e xa é independente de feito porque renega desa tradicional hipnose colectiva que a sitúa, dende tempos inmemoriais, tan a cabalo entre o pasado histórico e o futuro hipotético que elimina completamente o presente. Sendo e exercendo de Galegos e Galegas estaremos en Ourense, Nas Galizas territoriais do norte e sul do Miño, en Venezuela, Panamá, Arxentina, México, USA, Cuba, Uruguai, Chile, Alemaña, Franza, Gran Britania, Holanda, na Africa e en Asia, XUNTOS NUNHA IDENTIDADE COMÚN NA QUE NUNCA SE PON O SOL...

© Xabier González, 2012
Twitter: @xabiergzalez

No hay comentarios:

Publicar un comentario